- Celebrarán a súa primeira edición dentro dunha xornada profesional que se celebrará o 16 de outubro no Pazo de Mariñán
- Nesta primeira edición concederáselle o galardón a Madó Santos Maneiro, técnica de Cultura do Concello de Muros polo seu traballo a prol da participación da cidadanía nas propostas culturais da vila
- A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural escolleu a denominación destes recoñecementos como homenaxe ao proxecto cultural e empresarial de Isaac Díaz Pardo e Carmen Arias "Mimina"
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2025.- Os Premios do Castro á Xestión Cultural Galega nacen para poñer en valor unha profesión que é, en boa parte, responsable da cultura viva e diversa que nos rodea e recoñecer cada ano a traxectoria de figuras destacadas neste eido dentro do noso país. A primeira edición vaise celebrar o vindeiro 16 de outubro no Pazo de Mariñán dentro da xornada O papel da xestión cultural no fortalecemento da cultura, na que se van presentar recursos e perspectivas laborais para o autocoidado das persoas que traballan nesta área da cultura e na que tamén se traballará sobre a aplicación dos manuais de boas prácticas presentados pola asociación arredor das artes visuais e os espectáculos ao vivo.
Un código ético para as artes visuais
Andrea Barreira, socia de 7h Cooperativa Cultural, autora do manual, achegará as recomendacións do Manual de boas prácticas na xestión cultural das artes visuais, que, ante a carencia dun marco legal, propón unha serie de instrumentos útiles para acadar unhas condicións dignas, xustas e respectuosas para as persoas vinculadas a esta área. A guía, publicada en 2022, inclúe un código de actuación ao que é posible adherirse a través da web da asociación.
Revisión das boas prácticas nos espectáculos ao vivo
Patricia Hermida, xestora cultural e avogada, presentará a segunda edición do Manual de boas prácticas na xestión cultural para espectáculos ao vivo, e fará unha actualización das propostas formuladas para adaptalas a novas necesidades que poda ter xurdido dende a súa publicación en 2021.
Recursos e perspectivas laborais para coidarnos
A terceira sesión de traballo estará centrada na necesidade de avanzar cara modelos de traballo máis sustentables na xestión cultural. A partir das experiencias recollidas na liña de traballo Coidar de nós para coidar da cultura, desenvolvido pola AGXPC desde 2022, Sergio Lago, coordinador do proxecto, presentará a proposta Coidar de Nós: recursos e perspectivas laborais para a profesión, tocando temas como o recoñecemento profesional, a saúde e o benestar das persoas que sosteñen a actividade cultural nos seus territorios. Este proxecto, que está inspirado nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU, en concreto o número 3 que fala de ‘saúde e benestar’ e o número 8 referido ao ‘traballo decente’ e saúde e benestar (nº 3) da Axenda 2030, desembocará nos próximos meses na publicación dunha diagnose onde se recollerán iniciativas inspiradoras e solucións prácticas.
O primeiro estudo da profesión en Galicia
Seguindo coa liña de traballo das boas prácticas na cultura, a xornada servirá tamén para explicar con detalle os obxectivos da Enquisa a Profesionais da Xestión Cultural que a asociación está realizando entre o sector coa colaboración da Deputación da Coruña. A secretaria da entidade, Berta Álvarez Buylla Falces, será a encargada de facer a presentación dos desafíos que pretenden abordarse con esta investigación, sobre o papel da xestión cultural na provincia da Coruña. A partir dun diagnóstico cuantitativo, aberto á participación de calquera profesional de Galicia, abordarase dunha forma ampla o estado da profesión no momento actual tocando temas como a precariedade, a división rural/urbana, a igualdade de xénero, a diversidade funcional, a dependencia, as situacións que afectan ás persoas maiores ou o encaixe dentro da familia. Ata o momento, nunca se levou a cabo ningún estudo deste tipo na provincia e tampouco a nivel galego.
I Premios do Castro á Xestión Cultural Galega
A xornada rematará coa entrega dos primeiros Premios do Castro á Xestión Cultural Galega promovidos pola AGPXC como homenaxe ao epicentro inicial do que foi o proxecto cultural e empresarial de Isaac Díaz Pardo e Carmen Arias “Mimina”. Unha inspiración que, lonxe de ser anecdótica, pretende poñer o foco nos espazos de traballo e creación, nos procesos colectivos e nas redes que os nutren, na riqueza interdisciplinar, na vangarda, na memoria histórica, no arraigo cultural, en Galicia e no galego. É unha homenaxe á figura da xestión cultural representada por Carmen e Isaac, pero tamén por Luis e Maruxa Seoane e por tantos e tantas outras que hoxe en día serían parte da profesión.
A denominación dos premios foi decidida mediante un proceso participativo que involucrou a todas as persoas socias da AGPXC e no que tamén se votou a proposta da directiva da asociación para recoñecer nesta primeira edición a traxectoria da María Dolores Santos Maneiro, a técnica de cultura do Concello de Muros xa xubilada. Coñecida no sector como Madó, esta xestora cultural traballou desde 1987 ata 2024 na programación de espectáculos ao vivo e obradoiros culturais no ámbito municipal, destacando no seu labor as Xornadas de Cultura Mariñeira Muros Mira ao Mar, caracterizadas pola implicación e participación das entidades sociais e a veciñanza da vila.