Compostela, 15 de novembro de 2024.- Escena Galega (Asociación de Empresas de Artes Escénicas de Galicia) e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) manifestan a súa profunda preocupación polo proceso de selección de dirección para o Centro Ágora e o Fórum Metropolitano, en marcha actualmente a través do sistema de comisión de servizos restrinxido a empregados públicos do Concello da Coruña. Trasladaron un comunicado dirixido ao Concello da cidade -nomeadamente a inés Rey, a súa alcaldesa- un texto no que explican a importancia de contar con perfís profesionais especializados para o desenvolvemento de actividades en ambos espazos.
Ambas entidades coinciden en que este modelo restritivo dificulta o acceso ao posto de profesionais cualificados en xestión cultural. "A situación cultural na cidade evidencia unha falta de criterios que potencien un verdadeiro desenvolvemento cultural e unha empatía real co sector," sosteñen desde EG e AGPXC, engadindo que as direccións dos centros culturais requiren "liderado profesional" que poida cubrir as actuais carencias estruturais e programáticas.
Dende o sector cultural, insisten en que o Concello da Coruña carece dun equipo especializado en xestión cultural con experiencia e capacidade para asumir estes retos. Por iso, as dúas entidades subliñan que a cobertura destes postos mediante comisión de servizos limita a duración dos cargos e a posibilidade de establecer unha programación a longo prazo acorde ás necesidades culturais da cidadanía coruñesa e, por extensión, galega.
Alternativas propostas para unha dirección de calidade
Escena Galega e AGPXC propoñen alternativas para garantir unha dirección de calidade, como unha oferta pública de emprego ou un concurso aberto a profesionais da xestión cultural, que permitirían seleccionar persoas con traxectoria e competencia demostradas. Así mesmo, sinalan a urxencia de que o Concello reforce o seu equipo técnico en xestión cultural, para desenvolver políticas culturais sólidas que impulsen a cidadanía e os sectores artísticos e culturais galegos.
Ambas organizacións agardan que o Concello reconsidere a súa estratexia e tome medidas que permitan fortalecer a actividade cultural na cidade e convertir os centros Ágora e Fórum Metropolitano en referentes da oferta pública de cultura en Galicia.