MANUAL DE BOAS PRÁCTICAS NA XESTIÓN CULTURAL PARA ESPECTÁCULOS AO VIVO. AGPXC (Segunda edición 2024).
No 2020 publicamos o Manual Online de Boas Prácticas na Xestión Cultural para Espectáculos ao Vivo, que ten como finalidade establecer dun modo práctico, os pasos que debe seguir calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, á hora de afrontar a organización dun espectáculo ao vivo.
Esta segunda edición de 2024 incorpora as actualizacións normativas introducidas desde a publicación da primeira. Nos últimos anos, Galicia deu un paso decisivo na regulación dos espectáculos públicos e das actividades recreativas, desenvolvendo o marco iniciado coa Lei 10/2017. O avance máis significativo produciuse en xaneiro de 2023 coa entrada en vigor do Decreto 226/2022, polo que se aproba o regulamento que concreta aspectos técnicos e de seguridade destas actividades.
Entre as principais novidades inclúense as condicións específicas para instalacións portátiles e espazos ao aire libre, a esixencia de vías de evacuación e servizos de primeiros auxilios adaptados ao aforo, así como os criterios mínimos de ventilación, iluminación e aseos. O texto tamén regula con maior detalle o exercicio do dereito de admisión e crea o Rexistro Galego de Empresas e Establecementos de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas.
Con estas medidas, Galicia continúa avanzando na actualización do seu marco normativo para garantir que a organización de espectáculos e eventos culturais se desenvolva con maiores garantías de seguridade, accesibilidade e calidade para o público e os profesionais do sector.
DESCARGAR MANUAL