Ola! Utilizamos cookies propias e de terceiros para analizar o uso desta web e mellorar a túa experiencia de navegación. Ao continuar navegando entendemos que aceptas a nosa política de cookies.

   Saber máis - Aceptar.
Coidar de nós, para coidar da cultura

Xornada formativa: Coidar de nós, para coidar da cultura 


Luns, 13 de febreiro do 2023

Tempo e saúde entran na axenda do traballo cultural.

Xornada "Coidar de nós" o 2 de marzo en Soutomaior, organizada pola Deputación de Pontevedra e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) convoca ás persoas que operan na cultura.

A xornada “Coidar de nós, para coidar da cultura”, organizada pola Deputación de Pontevedra e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), que se desenvolverá o xoves 2 de marzo no Castelo de Soutomaior, quere poñer o foco na mellora das condicións laborais no sector cultural. A xornada, en sesións de mañá e tarde, convoca a profesionais dos distintos ámbitos culturais, tanto desde o sector público como o privado, á reflexión sobre prácticas e modelos que contribúan a mellorar as súas condicións laborais. No programa, representantes institucionais, xestoras e investigadoras culturais e profesionais de distintos ámbitos. A inscrición para a xornada é gratuíta aínda que as prazas son limitadas.

Encargaranse de inaugurar a xornada “Coidar de nós” a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o presidente da AGPXC, Carlos Lorenzo, e o comisario da mesma, Sergio Lago. Dous dos maiores expertos en cultura, sustentabilidade e traballo no Estado, Jorge Fernández León, membro do grupo de traballo sobre cultura e cortorna rural da Rede Española para o Desenvolvemento Sustentable (REDS), e Gemma Carbó, directora del Museu Vida Rural de la Fundación Carulla (L’Espluga de Francolí, Tarragona) e presidenta da Fundación INTERARTS, abrirán a primeira mesa do día. Trátase de dúas persoas pioneiras na investigación do emprego cultural no Estado, onde xa publicaron en 2010 o informe “Cultura, empleo y desarrollo” (Documenta Universitaria).

Para coñecer medidas, estatais e internacionais, que buscan mellorar as condicións de traballo no sector cultural desde o punto de vista institucional, participarán na xornada de Soutomaior, Fernando Cerón, Conselleiro técnico da Dirección Xeral de Industrias Culturais, Propiedade Intelectual e Cooperación do Ministerio de Cultura, Pilar Portela, coordinadora de Música e Danza na Agadic-Xunta de Galicia e representante da AGPXC na comisión de profesionalización da Federación Estatal de Asociaciones de Gestores Culturales (FEAGC) e Tere Badía, investigadora cultural, xestora independente e ex-secretaria xeral de Culture Action Europe. Esta mesa será moderada pola directora de Cultura da Deputación de Pontevedra, Paula Cabaleiro.

A seguir, tres profesionais de Galicia poñerán enriba da mesa aquelas cuestións que atinxen a quen traballa na cultura dende o ámbito privado: a avogada e presidenta de AGEM, Patricia Hermida, o investigador Fran Quiroga e o xestor e comunicador Alejandro Nieves, presentados por Marián Fernández, fundadora da cooperativa cultural O Cable Inglés.

Na sesión da tarde a organización da xornada convoca ás persoas incritas a participar en catro mesas diferentes cun formato horizontal nas que se abordarán o traballo público na cultura, o día a día das profesionais independentes e pequenas empresas, a activación de proxectos que revirtan nunha creación cultural máis sostible e o equilibrio entre traballo cultural e proxectos de vida.

A xornada “Coidar de nós” reserva un espazo, antes da sesión da tarde, para unha contada que non estará exenta de humor acedo da man do actor Candido Pazó, baixo o título “Traballar na cultura? Espera que che conto”.

 

Máis información sobre o programa e relatoras.

Inscrición á xornada.