Mércores, 25 de outubro de 2023
Segunda Quedada da xestión cultural: o 9 de novembro imos á Barbanza (Ribeira-Boiro-Noia)
Quedar e coñecer proxectos para inspirarnos no traballo cultural que desenvolvemos a cotío. Diso van as Quedadas da Xestión Cultural 2023; na segunda delas, imos á Barbanza! O xoves 9 de novembro, con saída desde Santiago de Compostela en transporte grupal, pasaremos a xornada coñecendo e gozando de proxectos culturais non seus espazos e da man daquelas persoas que os fan posibles. En Ribeira, visitaremos o Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, que custodia gravados de Goya, Rubens, Van Dyck, Toulouse-Lautrec, Dalí ou Picasso; en Boiro falaremos de política cultural municipal e coñeceremos proxectos como o Olloboi, Festival galego de Cinema Escolar, o Maio Vintage Market ou o Mar de Cabo; en Noia afondamos na Mostra de Curtas deste concello, en curso na nosa visita, e farémolo no singular Teatro Coliseo Noela, inaugurado en 1921.
Quedamos? Este é o programa e horarios para o xoves 9 de novembro:
09.30h Saída en transporte colectivo desde Santiago de Compostela.
10.30h Visita á Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital (Ribeira). O Museo do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira (artes visuais), acaba de ser nomeado Premio da Cultura Galega 2023.O Museo do Gravado á Estampa Dixital é unha institución museística de Galicia, creada en 2001, que custodia e difunde unha das maiores coleccións de artes gráficas de España e de Europa. A súa colección artística está composta por unha importante representación das artes gráficas con nomes como Goya, Rubens, Van Dyck, Toulouse-Lautrec, Dalí ou Picasso, entre outros.
12.00h Conversa con proxectos culturais de Boiro: "Cultura Cidadá, por unha política cultural municipal coxestionada ca cidadanía". (Pazo de Goiáns. Boiro). Presentación e entrega do libro A cultura é un dereito. Unha visión social da Cultura, con Alberto García, técnico de Cultura do Concello de Boiro, membro da comisión de políticas culturais do Consello da Cultura Galega e profesor do Curso de Experto en Xestión Cultural e Innovación Cultural da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Presentación práctica de proxectos culturais:
Olloboi, Festival galego de Cinema Escolar
Maio Vintage Market
Mar de Cabo, Asociación de tradicións mariñeiras A Gamela
14.30h Xantar.
17.00h Conversa con Juan Ramón Vidal, técnico de Cultura no Concello de Noia e director da Mostra de Curtas de Noia, no Teatro Coliseo Noela. Mergullámonos en Noia na 24ª edición da Mostra, en curso desde o 1 ao 11 de novembro. Este é un festival calificador para os Premios Goya que nesta edición, entre outras actividades, homenaxea o actor Javier Gutiérrez.
Prezo para asociadas da AGPXC: 15,00 €. Prezo para non socixs: 20,00 €
Pago: ES74 3070 0044 5063 4668 7426 (Caixa Rural Galega).
Inclúe:
Acceso a todas as actividades, desprazamento (punto ida e volta Santiago de Compostela) e xantar
Máis información e inscricións: xestoresculturais.gal
Formulario inscrición: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdjPb4kPxFH18t5JfjfBjc5fox6PQGF6Y2cW591LKez4JOpxg/viewform
Organiza: Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) + Deputación da Coruña.
Colabora: Museo Artes de Ribeira e Concello de Ribeira, Concello de Boiro, Mostra de Curtas de Noia e Concello de Noia
Que son as Quedadas da Xestión Cultural?
Desde a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) lanzamos unha nova proposta para o último trimestre de 2023, de outubro a decembro: as Quedadas da Xestión Cultural Galega. Trátase dunha proposta formativa sobre o terreo, que consistirá en tres saídas distintas nas que visitaremos proxectos culturais, espazos e profesionais do sector que traballan na provincia da Coruña. Visitaremos e coñeceremos entre dez e doce proxectos da provincia en tres quedadas, a primeira delas tivo lugar o 3 de outubro en Santiago de Compostela e a segunda, o 9 de novembro, lévanos á Barbanza. Este proxecto está organizado pola AGPXC co apoio da Deputación da Coruña e está dirixido a persoas que se dedican á xestión cultural, sexan ou non socias da AGPXC.
Para a selección das visitas, a proposta está baseada nas seguintes características: proxectos culturais que teñen lugar tanto no sector privado como no público, proxectos e/ou espazos culturais que contan cunha demostrada e recoñecida traxectoria, que destacan polo seu carácter innovador e son unha inspiración para o sector, que representen distintas disciplinas culturais (música, artes visuais, artes escénicas, patrimonio, audiovisual, literatura...) e que se atopen en execución mentres se realice a visita.
As Quedadas da Xestión Cultural Galega seguen a liña emprendida hai catro anos pola AGPXC, cando desenvolve o proxecto Banco de Boas Prácticas co obxectivo de “pór a disposición de xestores culturais, responsables de institucións culturais, cargos públicos con responsabilidades en políticas culturais, artistas, etc. exemplos inspiradores para poder traballar máis e mellor no ámbito cultural”. Posteriormente, desde a AGPXC tamén se impulsaría a publicación do Manual de boas prácticas da xestión cultural nas artes visuais e o Manual de boas prácticas para os espectáculos ao vivo. Así mesmo o I Encontro de Profesionais da Xestión Cultural, que tivo lugar en setembro de 2022 en Boiro, abordou tamén as prácticas inspiradoras na xestión cultural.