ENCONTROS "SE CHEGO A SABELO ANTES!" #CoidardeNós2024
Un dos valores principais das asociacións profesionais é servir como espazo para compartir experiencias e aprendizaxes. Tamén para transmitilos entre quen xa transitou un camiño e as persoas que comezan a facelo.
O proxecto Coidar de Nós (coidardenos.xestoresculturais.gal) nace en 2022 para abordar as condicións laborais das persoas que traballamos na xestión cultural. Neste marco e co obxectivo de artellar unha maior concienciación colectiva, promover prácticas máis sustentables e solidarias entre axentes culturais e adquirir un maior coñecemento laboral, financeiro e legal, na AGPXC e co apoio da Área de Cultura da Deputación Provincial da Coruña neste 2024, estamos a desenvolver diversos materiais didácticos e divulgativos que incluirán unha guía laboral arredor do oficio da xestión cultural.
Abrimos agora este proceso, convidando a todas as persoas asociadas a realizar achegas para enriquecer a guía e mellorar a súa utilidade reunindo a maior diversidade de olladas posible. Tanto de quen xa ten acumulada experiencia e coñecemento, como a través de novas preguntas por parte de quen estea a iniciarse na profesión.
Así, entre o 17 de outubro e o 30 de novembro de 2024 celebraremos unha serie de encontros temáticos, en formatos presenciais e telemáticos baixo o título Se chego a sabelo antes!. De xeito alternativo, tamén será posible realizar achegas no correo electrónico coidardenos@xestoresculturais.gal ou ben, de xeito anónimo, a través do formulario habilitado na páxina web. Agradecemos ofrecementos de colaboración se se conta con coñecemento nalgún dos temas, recomendacións de especialistas e recursos -bibliográficos ou dixitais-, así como calquera suxestión a partir dos materiais previos que compartiremos no primeiro encontro, do 17 de outubro.
Bota un ollo á información de cada encontro; podes inscribirte en todos eles ou naqueles que máis che interesen NESTE FORMULARIO
ENCONTROS | Se chego a sabelo antes!
(A participación en todos os encontros é gratuíta, pero é preciso inscribirse)
- ENCONTRO 1. Xoves 17/10/24 | 10h-13h (só presencial) | Sala Juanjo Gallo da Deputación da Coruña. "A xestión cultural nas administracións públicas".
10h. Presentación da iniciativa e dos materiais temáticos para o debate, coa presenza da Deputada de Cultura, Natividade González; do presidente da AGPXC, Carlos Lorenzo e do coordinador do proxecto Coidar de Nós, Sergio Lago. Encontro: A xestión cultural nas administracións públicas.
10h30. “Cómo traballar nun servizo municipal de cultura (e non morrer no intento)”. Conexión telemática con Betisa Anda, técnica de cultura municipal de Altsasu e representante de KUNA (Asociación de Profesionais da Xestión Cultural de Navarra). Compartirá reflexións e conclusións das diferentes xornadas e estudos sociolaborais pioneiros realizados no seu territorio, entre os que destaca o informe: “Hacia un modelo funcional de los servicios municipales de cultura”.
11h30-13h. Conversa aberta: “O desempeño laboral nas administracións. A oferta existente, as vías de acceso e a realidade cotiá do traballo público en cultura.”, moderada polo socio Marcos Lorenzo.
- ENCONTRO 2. Sábado 26/10/24 | 10h-12h (en liña) | Desde BAM Betanzos: Encontro “Os primeiros pasos laborais na xestión cultural”, moderado pola socia Sara Fraga.
Abordaremos as situacións e dúbidas arredor das fórmulas -bolsas, premios, prácticas, autoemprego- que se atopan as novas xeracións que buscan introducirse na profesión.
- ENCONTRO 3. Mércores 30/10/24 | 16h-17h30 (en liña) | Desde Arteixo: Encontro “E canto cobro? Traballar por conta propia na xestión cultural”.
Facilitado por 50pés. Cooperativa, conformada por Helena Sanmamede -tradutora económica- e Mariola Mourelo -facilitadora de grupos-, dúas profesionais con ampla experiencia na creación de proxectos propios e no acompañamento e formación a outros colectivos e profesionais, así como no activismo social, económico e feminista.
- ENCONTRO 4. Mércores 06/11/24 | 16h-17h30 (en liña) | Desde Carral: Encontro “Fórmulas de traballo colectivo na xestión cultural”, moderado por Emi Candal.
Contrastaremos diversas fórmulas de traballo cooperativo que buscan dar resposta ás particularidades do ámbito cultural e creativo, como por exemplo a súa elevada atomización e a intermitencia en moitas das súas actividades.
- ENCONTRO 5. Mércores 13/11/24. 18h-19h (en liña). Encontro “Auto-coidados, co-coidados e saúde mental na xestión cultural”, facilitado por Rosana Corbacho.
O benestar emocional no mundo da cultura, especialmente na música, é algo ao que Rosana Corbacho, psicóloga clínica especializada, leva dedicando máis de 15 anos de traxectoria. Na súa consulta traballa con artistas e outras profesionais do sector no tratamento de todo tipo de síntomas clínicos, así como no desenvolvemento e crecemento persoal. É tamén asesora do Comité de Saúde da AFEM (Asociación de Música Electrónica), ademais de impartir terapia de grupo, participar en mesas de debate en congresos e festivais internacionais e ofrecer formacións para artistas e axentes culturais en Primavera Sound, Tallinn Music Week, Reeperbahn Festival ou La Casa Encendida, entre outros.
- ENCONTRO 6. Mércores 20/11/24 | 17-19h (presencial, prazas limitadas) | O Gabinete (Santiago de Compostela) Obradoiro TE( n ) CUIDADO. Herramientas para la articulación colectiva, en colaboración co colectivo Larre.
Desde 2018 Lara García Díaz, Priscila Clementti e Ángela Palacios traballan con base en Barcelona, ocupando lugares híbridos entre a investigación práctica artística e a crítica cultural, para levar a cabo actividades e espazos de colaboración nos que, desde unha perspectiva feminista, explorar realidades normalmente invisibilizadas ou mergulladas e cuestionar teorías e prácticas do sector cultural actual. Entre 2020 e 2023 desenvolven este proxecto, no que, a través de tres grupos de investigación e traballo e diversas accións, sitúan no centro un debate ao redor de experiencias e inquedanzas sobre a cuestión dos coidados que atravesan as nosas prácticas colectivas, redes de apoio e/ou o funcionamento de organizacions e institucións culturais.
Como resultado do proxecto xeran a “Caja de Herramientas de Te( n ) cuidado”, na que se recollen 10 ferramentas para a articulación colectiva. A súa a finalidade é a de compartir e propiciar a súa posta en práctica, para poder usalas, replicalas, reinterpretalas e/ou hackearlas segundo necesidades e conveniencias. Esta distribución e socialización da “Caja de herramientas de Te( n ) cuidado” é posible grazas ao apoio da Fundación Daniel y Nina Carasso.