Ola! Utilizamos cookies propias e de terceiros para analizar o uso desta web e mellorar a túa experiencia de navegación. Ao continuar navegando entendemos que aceptas a nosa política de cookies.

   Saber máis - Aceptar.

Obradoiro "Repensar a xestión cultural: unha pausa creativa para idear estratexias"

Que é a xestión cultural hoxe? Que impacto e transcendencia ten? En que cambiamos? Cal é o noso papel social como profesionais e que necesitamos para poder exercelo con responsabilidade? O próximo 26 de setembro a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) convida ás súas socias, e, en xeral, ao conxunto de profesionais da xestión cultural en Galicia a tomarse unha pausa creativa e participar no obradoiro que terá lugar no Auditorio do Museo do Pobo Galego. Esta iniciativa forma parte do Encontro Cultura y Ciudadanía, promovido polo Ministerio de Cultura e que celebra a súa 10ª edición en Santiago de Compostela. Unha década que tamén motiva á AGPXC a reflexionar de maneira práctica cun taller, dinamizado por Diego Parajó e Clara R. Cordeiro sobre novas estratexias para encarar o presente e o futuro da xestión cultural. As prazas son limitadas.

O obradoiro Repensar a xestión cultural: unha pausa creativa para idear estratexias desenvólvese o xoves 26 de 12:45 a 14:00 e de 16:00 a 17:30. Ademais a AGPXC contempla unhas bolsas de axuda de viaxe para aquelas persoas que se desprazan desde fóra de Santiago de Compostela. Servirase un refrixerio cortesía da AGPXC ao peche da sesión da mañá. Inscricións ata o martes 24 de setembro ás 12:00.

Ampliar as redes de traballo e sentar as bases de novas estratexias transdisciplinares para mellorar como profesionais son dous dos obxectivos centrais dun obradoiro eminentemente práctico. Identificar problemas, obxectivos e oportunidades, propoñer desafíos e traballar sobre ideas, procesos e solucións, conforman a proposta da primeira parte do taller. Adiantarse ao futuro da profesión cultural, analizando as posibles transformacións e, tamén, abordar que papel debe xogar a AGPXC para ser relevante nese horizonte, son os eixos da dinámica da segunda parte do taller.

Diego Parajó e Clara R. Cordeiro son os responsables de impartir e dinamizar o obradoiro do xoves 26 de setembro; ambos con máis de 25 anos de experiencia no ámbito da acción cultural. Parajó é educador social, experto en Xestión Cultural e o responsable de Xeneme Innovación Social. Nos últimos anos céntrase na transformación das organizacións mediante a dixitalización de procesos, o uso de metodoloxías áxiles e a innovación con Design Thinking. Ademais é docente no curso de Experto Universitario en Xestión Cultural da Universidade de Santiago de Compostela desde 2015. Socia fundadora de 7h Cooperativa Cultural, Clara R. Cordeiro é especialista en arte contemporánea, educación e xénero. Como mediadora cultural, pon o foco na coordinación de proxectos baseados na creación comunitaria, algún deles tan recoñecido como o Delas Fest, programa feminista de arte urbana. Na actualidade, ademais, é vicepresidenta da AGPXC.

Inscríbete no 10º Encontro Cultura y Ciudadanía aquí

Inscrición no obradoiro Repensar a xestión cultural (ata 24 de setembro ás 12:00) aquí

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar