Ola! Utilizamos cookies propias e de terceiros para analizar o uso desta web e mellorar a túa experiencia de navegación. Ao continuar navegando entendemos que aceptas a nosa política de cookies.

   Saber máis - Aceptar.
O proxecto Coidar de nós, para coidar da cultura lanza un espazo dixital na procura de modelos máis sustentables para a xestión cultural

 O proxecto Coidar de nós, para coidar da cultura lanza un espazo dixital na procura de modelos máis sustentables para a xestión cultural

 

 


Xoves,  15 de xuño de 2023

A web coidardenos.xestoresculturais.gal, impulsada pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), recolle reflexións, retos, recursos e iniciativas inspiradoras no traballo cultural.


Un espazo para recoller e compartir reflexións, recursos e prácticas inspiradoras, co obxectivo de camiñar cara uns modelos máis sustentables de traballo na xestión cultural. Así se presenta a web coidardenos.xestoresculturais.gal na que todas aquelas persoas que traballan na cultura no ámbito iberoamericano atoparán unha análise de retos no sector, ferramentas e proxectos de referencia. Esta páxina, aberta á participación de iniciativas de impacto na mellora das condicións profesionais, forma parte do proxecto “Coidar de nós, para coidar da cultura” que, desde finais do pasado ano, desenvolve a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) en colaboración coa Federación Estatal de Asociaciones de Profesionales de la Gestión Cultural e co apoio do Ministerio de Cultura e Deporte.


Co proxecto “Coidar de nós, para coidar da cultura”, a AGPXC quixo ir máis aló da diagnose e abrir un proceso colectivo na busca de solucións, prácticas e modelos inspiradores para afrontar o reto de acadar modelos máis sustentables de traballo na xestión cultural. O que sen dúbida tamén incidirá na calidade e impacto dos propios proxectos para os seus destinatarios finais. O proxecto inspírase con este fin no marco da Axenda 2030 da ONU e dos seus Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, especialmente poñendo o foco en concreto en dous deles o número 8,:traballo decente, e o número 3, saúde e benestar.


“Existe un consenso amplo, abordado en diferentes foros e espazos profesionais, sobre a situación de precariedade e vulnerabilidade, que afecta a unha parte importante dos axentes culturais. Non é algo que afecte exclusivamente ao noso sector, pero si que reunimos importantes factores de risco, como a elevada atomización con traballadoras autónomas e entidades de un ou dous traballadores, alta intermitencia laboral, escasa oferta laboral estable por conta allea no ámbito privado e déficit de persoal nas institución públicas”, explica o coordinador do proxecto Sergio Lago.


Desde o último trimestre de 2022, celebráronse encontros entre diferentes asociacións e profesionais como os realizados na pasada edición da Culturgal en novembro ou no Castelo de Soutomaior a principios do mes de marzo deste ano; lanzáronse convocatorias abertas e mapeo participativo coa colaboración de entidades educativas e asociacións de xestión cultural; desenvolveuse a acción formativa online “Gestionar la cultura en clave de sostenibilidad: formarse por nuestra salud y la del planeta” do 20 ao 22 de marzo e, como último chanzo, ábrese a web coidardenos.xestoresculturais.gal para poñer en común o coñecemento xerado en todo este proceso.


Entre outros recursos, na web podemos atopar publicacións colectivas sobre a situación profesional no ámbito da cultura, políticas culturais de diferentes administracións que están a incidir na mellora das condicións laborais do sector, iniciativas colectivas activadas por asociacións profesionais e todo tipo de colectivos vinculados ao traballo cultural, e recursos profesionais como guías, manuais e ferramentas formativas.


Desde a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural subliñan o carácter aberto da web a propostas e recursos ao redor do traballo cultural que enriquezan o mapeo de proxectos inspiradores. O correo de contacto é coidardenos@xestoresculturais.gal.

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar