Ola! Utilizamos cookies propias e de terceiros para analizar o uso desta web e mellorar a túa experiencia de navegación. Ao continuar navegando entendemos que aceptas a nosa política de cookies.

   Saber máis - Aceptar.
Quedadas da Xestión Cultural Galega

Arte, cinema e moito mar no Barbanza: así foi a segunda quedada da xestión cultural


Luns, 13 de novembro de 2023


Unha xornada con moita arte, moito cinema e, como non, sempre o mar. Se na primera quedada da xestión cultural a primeiros de outubro, as persoas participantes achegáronse en Santiago de Compostela para coñecer algúns dos seus proxectos e equipamentos culturais de referencia, o xoves 9 de novembro a cita puxo o foco na actividade en tres vilas do Barbanza. Municipios de entre 15.000 habitantes, o caso de Noia, e algo máis de 25.000, como Ribeira, na que os profesionais anotados na quedada descubriron algunhas xoias da actividade cultural da zona. A segunda proposta de visitas inspiradoras da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), en colaboración coa Deputación da Coruña, para a que incluso parou a choiva durante horas, levounos a coñecer proxectos nacidos a partir do coleccionismo privado, das inquedanzas veciñais e, tamén, da necesidade de dar uso a equipamentos culturais.

 
O coleccionismo privado está no xermolo do Museo do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira, que acaba de ser nomeado Premio da Cultura Galega en Artes Visuais 2023 e que foi a primeira das visitas do 9 de novembro. O Museo do Gravado á Estampa Dixital é unha institución museística creada en 2001, que custodia e difunde unha das maiores coleccións de artes gráficas de Europa. As obras abranguen desde o século quince á actualidade, e entre os artistas gravadores representados, destacan Goya, Rubens, Van Dyck, Toulouse-Lautrec, Saura, Ricardo Baroja, Eberhard Schlotter, Dalí, Alberti e Picasso. Traballan e teñen acordos con diferentes institucións de Europa, especialmente a través de préstamos de obra pero tamén con accións formativas que celebran anualmente, como os talleres que desenvolven coa Universidade de Salamanca, Asi nolo contou o seu director Pastor Rodríguez que guiou a visita polas dependencias do museo, con especial atención ás exposicións do premio Atlante, que convocan cada ano coa participación de artistas de todo o mundo, “A oca dos artistas” e a dedicada á Imitación de Cristo de Kempis, a obra máis editada e traducida despois da Biblia que recolle “escenas exemplarizantes da vida de Cristo”.


Cun acordo (comodato) co concello de Ribeira, o Museo das Artes asegura a súa andaina: a administración local asume os gastos correntes do museo, que tamén conta co apoio da Deputación da Coruña e que forma parte da Rede Galega de Museos. A colección segue medrando da man do coleccionista Javier Expósito Paradela, avogado experto en dereito marítimo e empresario, ao que se debe o Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira e a colección de máis de 25.000 obras catalogadas. Tal como apunta Pastor Rodríguez, o museo é máis recoñecido fóra que dentro de Galicia aínda que colaboracións como a que desenvolven coa asociación Barbantia inciden na popularización do espazo entre a veciñanza. A nosa visita do xoves rematou na biblioteca especializada do Museo, con fondos espectaculares ao redor da estampa, e onde puidemos coñecer os traballos de recuperación de obra de Colmeiro que levan a cabo no museo.


En Boiro, os participantes na quedada fomos recibidos no Pazo de Goiáns -na parroquia de Santiago de Lampón-, fermoso en calquera estación do ano coa súa torre e, tamén, coa magnífica “colección” de árbores. Un edificio histórico, que o concello de Boiro adquiriu en 2010 e que agora xestiona seguindo un proceso de rehabilitación do espazo. Foi fundado a mediados do século dezaseis e remodelado varias veces ao longo da súa historia. A concelleira María Outeiral e o técnico Alberto García exerceron de anfitrións co obxectivo de darnos a coñecer algúns dos proxectos máis vivos que están a ter lugar en Boiro, co denominador común de ter xordido desde a veciñanza. Abraiante é o éxito do OlloBoi, o festival de cinema escolar que xa é referente en toda Galicia e que nace da man dun grupo de docentes destinados en institutos de Boiro. Os obradoiros con actores e directores profesionais son unha das actividades estrela de cada ano. “Xa non hai cineastas para tantos escolares”, dixo Susana Diz. Ela é unha das promotoras do OlloBoi, que foi merecedor do Premio Especial José Sellier dos Mestre Mateo en 2020.

 


Tamén escoitamos a Tomás Estévez, xerente da Asociación de Empresarios de Boiro, que nos contou como duns anos para aquí vai permeando na asociación “a idea de que hai maneiras de facer cousas diferentes desde o ámbito empresarial relacionadas coa economía creativa e hoxe en día o “Pecha Kucha” anual é o acto máis multitudinario na sede da asociación”. Tamén escoitamos a Eva Triñanes, veciña de Cabo de Cruz, parte da asociación A Gamela e xestora cultural, falarnos de Mar de Cabo, un evento que vai pola segunda edición, que tivo a súa orixe na botadura dunha buceta e que se articula ao redor do patrimonio marítimo. O encontro en Boiro ofreceunos ademais a oportunidade de levar o libro “A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura”, coordinado por Alberto García e editado pola área de Cultura da Deputación da Coruña. García, na introdución do encontro en Boiro, explicounos como se concibe o traballo de xestión en Boiro, sempre na procura do equilibrio entre a acción cultural que xorde das empresas e dos profesionais, e aquela que nace da comunidade, do asociacionismo, da veciñanza. “O certo é que moitas destas iniciativas comunitarias tamén repercuten na profesionalización da actividade cultural”, sinalou.

 


A última visita da tarde do xoves 9, tras xantar, levounos ao Coliseo Noela en Noia para conversar con Juan Ramón Vidal, técnico de Cultura e director da Mostra de Curtas. A Mostra está moi vinculada ao espazo desde o seu nacemento, tal como nos contou Vidal. Inaugurado en abril de 1921 da man de tres particulares, o Coliseo Noela dedicouse nas súas primeiras décadas de vida a teatro, zarzuelas, concertos e conferencias; a partir de mediados dos anos sesenta dedicariase en exclusiva ao cinema. Ata 1986, que pecha as súas portas, que non volverán a abrir ata 1999, tras anos de xestións municipais para a súa compra e rehabilitación. “Esta recuperación trouxo consigo un proxector de cine, que motivou a un grupo de afeccionados a pensar un proxecto para este equipamento”, lembra Vidal. Nacida en 2001, a Mostra é un festival calificador para os Premios Goya que nesta edición, entre outras actividades, homenaxeaba o actor Javier Gutiérrez na tarde do xoves 9. Apoiada pola Deputación da Coruña e o concello de Noia, este festival afonda na relación do municipio co sector audiovisual, desde a mítica rodaxe de “La campana del infierno” en 1973 -o seu director Claudio Guerín faleceu ao cair da Torre de San Martiño- ata servir de exteriores da lonxeva serie da TVG “Pratos Combinados” (1995-2006).

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar