Xoves, 16 de novembro de 2023
Tras as visitas a Santiago de Compostela e ao Barbanza nas últimas semanas, a terceira quedada da xestión cultural propón excursión á cidade da Coruña o venres 24 de novembro. A dinámica das salas e da música ao vivo, a programación de danza, os festivais singulares, espazos reutilizados e fotografía internacional, etc. De todo isto teremos na visita aos proxectos culturais da Coruña na tarde do día 24.
As quedadas da Xestión Cultural Galega seguen a liña emprendida hai catro anos pola AGPXC, cando desenvolve o proxecto Banco de Boas Prácticas para “pór a disposición de xestores culturais, responsables de institucións culturais, cargos públicos con responsabilidades en políticas culturais, artistas, etc. exemplos inspiradores para traballar mellor no ámbito cultural”.
De entre unha ducia (polo menos) de posible itinerarios na cidade, na quedada do próximo venres 24 de novembro na Coruña propoñémosvos o seguinte programa de visitas a proxectos culturais, con, ademais, dúas opcións sobre o escenario para pechar a xornada:
17.00h a 18.15h. Visita ao Teatro Rosalía de Castro e presentación do programa TRC Danza 2023 con Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía. TRC Danza é a programación anual de danza que se ven organizando no Teatro Rosalía e que incorpora na súa programación expandida, un traballo de mediación cultural, con talleres, danza na rúa, etc. Xosé Paulo Rodríguez comentará con nós esta programación no propio teatro, un equipamento municipal no corazón da cidade que dispón dun escenario de 150 metros cadrados e dunha capacidade de case 700 localidades.
18.30h Conversa sobre a traxectoria e historia do Jazz Filloa con Alberto Mella, xerente da sala. Un dos imprescindibles puntos de programación cultural da cidade desde 1980: o Jazz Filloa. Desde a rúa Cega, o Filloa é un escenario imprescindible para a música ao vivo, especialmente para o xénero jazz, do que abriu as portas hai décadas para moitos afeccionados de Galicia. O seu xerente, Alberto Mella, fará un percorrido pola andaina de onte a hoxe do club, que foi berce de proxectos musicais locais ademais de dar acollida a innumerables nomes internacionais do xénero.
18.50h a 19.30h. Presentación do Festival Elas Son Artistas a cargo de Tomi Legido, director do festival. Con seis edicións, Elas Son Artistas é máis que un festival ou un ciclo de espectáculos, é un espazo reservado á creación musical das mulleres. No seu nacemento en 2017 tivo moito que ver Yolanda Villa, da sala Mardi Grass e unha das impulsoras de MIM. Con Tomi Legido, director do proxecto, programador, manager e membro da directiva da AGPXC, falaremos da vitalidade do proxecto e da súa expansión en datas e recintos.
19.30h Visita á exposición Helmut Newton – Fact & Fiction. A gran exposición ao redor de Helmut Newton atópase no peirao de Batería, no Porto da Coruña, promovida pola Fundación MOP, que semellla querer consolidar un espazo para a foto internacional de moda na cidade. Desde este 18 de novembro ata o 1 de maio de 2024 poderá visitarse esta mostra que percorre seis décadas de carreira cunha ampla selección de fondos da Fundación Helmut Newton. Unha oportunidade de percorrer e coñecer esta nave portuaria co deseño da exposición.
20.30h. Búho. Titzina Teatre. Teatro Rosalía de Castro*. Tiztina, a recoñecida compañía catalá formada por Diego Lorca e Pako Merino, pon en escena a súa nova montaxe: Búho. A perda da memoria centra a trama dunha peza teatral na que un antropólogo forense especializado no Paleolítico sufre un ictus que lle provoca amnesia.*As persoas inscritas na quedada contan cun desconto dun 20% na entrada.
21.00h Elas Son Artistas. Concerto de Alice Wonder. Teatro Colón**. Dentro da programación de Elas Son Artistas, concerto da artista madrileña Alice Wonder, que coa súa participación no Benidorm Fest, milleiros de visionados e xira en 2023 consolídase con un dos talentos emerxentes cun público en progresivo aumento. **As persoas inscritas na quedada contan cun desconto dun 10% na entrada.
Formulario de inscrición na seguinte ligazón.
Organizan: Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e Deputación da Coruña. Colaboran: Concello da Coruña, Elas Son Artistas, Jazz Filloa
Que son as Quedadas da Xestión Cultural?
Desde a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) lanzamos unha nova proposta para o último trimestre de 2023, de outubro a decembro: as Quedadas da Xestión Cultural Galega. Trátase dunha proposta formativa sobre o terreo, que consistirá en tres saídas distintas nas que visitaremos proxectos culturais, espazos e profesionais do sector que traballan na provincia da Coruña. Visitaremos e coñeceremos entre dez e doce proxectos da provincia en tres quedadas, a primeira delas tivo lugar o 3 de outubro en Santiago de Compostela e a segunda, o 9 de novembro, lévanos á Barbanza. Este proxecto está organizado pola AGPXC co apoio da Deputación da Coruña e está dirixido a persoas que se dedican á xestión cultural, sexan ou non socias da AGPXC.
Para a selección das visitas, a proposta está baseada nas seguintes características: proxectos culturais que teñen lugar tanto no sector privado como no público, proxectos e/ou espazos culturais que contan cunha demostrada e recoñecida traxectoria, que destacan polo seu carácter innovador e son unha inspiración para o sector, que representen distintas disciplinas culturais (música, artes visuais, artes escénicas, patrimonio, audiovisual, literatura...) e que se atopen en execución mentres se realice a visita.
As Quedadas da Xestión Cultural Galega seguen a liña emprendida hai catro anos pola AGPXC, cando desenvolve o proxecto Banco de Boas Prácticas co obxectivo de “pór a disposición de xestores culturais, responsables de institucións culturais, cargos públicos con responsabilidades en políticas culturais, artistas, etc. exemplos inspiradores para poder traballar máis e mellor no ámbito cultural”. Posteriormente, desde a AGPXC tamén se impulsaría a publicación do Manual de boas prácticas da xestión cultural nas artes visuais e o Manual de boas prácticas para os espectáculos ao vivo. Así mesmo o I Encontro de Profesionais da Xestión Cultural, que tivo lugar en setembro de 2022 en Boiro, abordou tamén as prácticas inspiradoras na xestión cultural.