Ola! Utilizamos cookies propias e de terceiros para analizar o uso desta web e mellorar a túa experiencia de navegación. Ao continuar navegando entendemos que aceptas a nosa política de cookies.

   Saber máis - Aceptar.
Quedadas da Xestión Cultural Galega

A AGPXC propón un encontro formativo na Culturgal 2023 

 

 


Martes, 28 de novembro de 2023

Financiamento europeo, condicións de traballo no sector e prácticas inclusivas, algunhas das áreas a tratar na xornada do sábado 2 de decembro en Pontevedra.

A Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) participa na 16ª Culturgal cunha proposta dirixida a profesionais da xestión cultural e outros axentes do sector. Financiamento europeo, visión social da cultura, condicións de traballo no sector e prácticas para unha cultura inclusiva son as áreas nas que se centra o Encontro Formativo do vindeiro sábado 2 de decembro en Pontevedra. Augusto Paramio, Paula Pin, Xaquín López, Sergio Lago, Natividade González (Deputación da Coruña), Uxío Novo, Carlos Lorenzo e a Federación Galega para o Dano Cerebral son as persoas e entidades que interveñen na xornada.

O encontro ten carácter aberto, porén agradécese inscrición en info@xestoresculturais.gal para o mellor desenvolvemento das actividades propostas.

ENCONTRO FORMATIVO PARA XESTORAS/ES CULTURAIS

CULTURGAL – PAZO DA CULTURA DE PONTEVEDRA Sábado 02 de decembro (Aula 06)

Programa da xornada:

10.30h-11.10h Oportunidades de financiamento e internacionalización europea para 2024. Participan:

- Augusto Paramio: Coordinador da oficina Europa Creativa-Cultura e Punto de Cidadanía Europea na Subdirección Xeral de Cooperación Cultural coas Comunidades Autónomas. Dirección Xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro.

- Anxo Lorenzo: Director xeral de cultura da Xunta de Galicia.

Presenta: Carlos Lorenzo, presidente da AGPXC.

Europa Creativa é o Programa insignia da Unión Europea para o periodo 2021-2027, destinado a impulsar e afortalar os sectores culturais e creativos. Abrangue os subprogramas MEDIA (sector audiovisual) e Cultura (para todos os sectores culturais e creativos agás audiovisual), ademais dun capítulo Intersectorial para diferentes accións en todos os sectores das ICCs.

11.20h-11.50h Financiamento europeo: panel de experiencias do sector galego e boas prácticas. Participan:

- Wom@rts, Xaquín López, Director-xerente do Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela).

- Restorative Practices, Paula Pin, A Casa do Río (Palas de Rei).

Presenta: Uxío Novo, directiva da AGPXC.

12.00h-12.30h Presentación do proxecto “Coidar de nós, para coidar da cultura”. Participan:

Sergio Lago, coordinador do proxecto e Carlos Lorenzo, presidente da AGPXC.

O proxecto “Coidar de nós” nace coa intención de abordar a sustentabilidade e as condicións laborais das persoas que traballan na xestión cultural. Un tema transversal e moi presente nas reunións en foros e espazos profesionais. O consenso xeral apunta a unha preocupante situación de precariedade e vulnerabilidade que afecta a unha boa parte das persoas que fan posible a actividade cultural profesional. “Coidar de nós, para coidar da cultura” é un proxecto desenvolvido pola AGPXC co apoio do Ministerio de Cultura e Deporte e en colaboración coa Federación Estatal de Asociaciones de Profesionales de la Gestión Cultural.

12.30h Presentación do libro “A Cultura é un dereito. Unha visión social da Cultura”. Coa participación de Natividade González, Deputada de Cultura na Deputación da Coruña e das persoas colaboradoras na publicación.

Organiza: Área de Cultura da Deputación da Coruña.

Coordinado polo técnico de cultura Alberto de Boiro, o libro divídese en dez capítulos que falan de dereitos e de políticas culturais, de termos moi presentes hoxe en día —sostibilidade, accesibilidade ou igualdade en cultura— e tamén do estado no que se atopan sectores como a danza, o teatro, a poesía, os festivais de música, as bibliotecas ou os museos locais, entre outros.

16.00h Ocio inclusivo e accesible para persoas con dano cerebral adquirido. Recomendacións para desenvolver boas prácticas. Organiza: Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE).

No mes de novembro a FEGADACE lanza a campaña de sensibilización sobre ocio inclusivo e dano cerebral con recomendacións para eliminar as principais barreiras de accesibilidade e participación que enfrontan as persoas con DCA, dixirdidas especialmente a axentes públicos e privados con competencias nos equipamentos culturais e programación de actividades de ocio.