Dende a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) presentamos o banco de boas prácticas para a xestión cultural, coa finalidade de poñer a disposición de xestoras e xestores culturais, cargos públicos con responsabilidades en políticas culturais e artistas, entre outros perfís, todo un escaparate de proxectos e exemplos inspiradores para poder traballar máis e mellor no ámbito cultural.
Xa está accesible en
boaspracticas.xestoresculturais.gal
O Banco Galego de Boas prácticas en Xestión cultural é o resultado dun proceso de investigación de dous anos no que foron consultadas máis de 400 persoas do sector da xestión cultural en Galicia. Deste proceso saeu a escolla de 100 proxectos iniciais, aínda que o banco está aberto e seguirase completando a través dos criterios cualitativos que avalía: calidade, impacto integral no territorio, sostibilidade ou inclusión de valores transformadores.
O resultado é en primeiro lugar un “escaparate” do moito e bo que se fai no país en xestión cultural. Buscamos ademais coñercernos e recoñecernos entre nós, por eso a AGPXC visitará os proxectos a partir do ano que ven para certificalos en persoa e para organizar xornadas de intercambio de coñecementos. Queremos coñecer de preto o saber facer das persoas xestoras que desenvolven iniciativas de tanto éxito. E parécenos que este PUNTO DE ENCONTRO pode ser unha ferramenta de artellamento da profesión, que é un dos obxectivos principais desta asociación.
Este proxecto estivo financiado polo Ministerio de Cultura e a vicepresidencia da Deputación da Coruña. Coordinado por Sergio Lago e traballado por Adriana Castro e Nela Fraga, entre outras persoas colaboradoras.
Son 100 proxectos culturais seleccionados en base a criterios de innovación (emprego de estratexias novas e creativas de solución a problemas comúns), efectividade nos seus resultados (nivel de éxito, ben nos resultados, ben nos procedementos para a solución dos problemas aos que vai dirixida) exemplaridade inspiradora (o seu efecto multiplicador e que poida servir como ferramenta de capacitación) e transferibilidade (que sexa aplicable a outros contextos)
Este banco de boas prácticas é un portal dixital que busca ser un escaparate de proxectos destacados e permitirá a difusión e visibilidade internacional de iniciativas culturais do panorama galego, así como a formación, mellora da empregabilidade e recoñecemento social do sector profesional da nosa cultura.
One Response to Presentamos o Banco de Boas Prácticas na Xestión Cultural
Deixa unha resposta
« Estamos en marcha co proxecto de elaboración dun Banco Dixital de Boas Prácticas O Banco de Boas Prácticas na Xestión Cultural comeza un percorrido por Galicia distinguindo trece propostas de referencia en Compostela »
[…] de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) viu neste proxecto para incluílo recentemente no Banco Galego de Boas Prácticas en Xestión cultural. Fomos seleccionadas nunha escolma de cen propostas iniciais despois da […]