Vigo (luns 2 de marzo) | Ourense (martes 3 de marzo)
.
A AGPXC leva celebrando durante os últimos anos unha xeira de encontros-debate en toda Galicia. Nestas iniciativas participaron centos de profesionais da cultura e xerouse tamén unha gran cantidade de información. Actualmente estamos a organizar parte destes recursos, os que poden servirnos como modelos de boas prácticas, de cara a poder dispoñibilizalos na nosa web de xeito aberto.
O primeiro bloque de recursos serán os relacionados coa xestión cultural de proximidade, o eido no que a maioría de profesionais traballamos, tanto do sector público como do privado. Agardamos que tamén poida resultar de utilidade para outras persoas do mundo da cultura e para as formacións políticas que vaian a ter responsabilidades nas políticas culturais locais a partir das eleccións do mes de maio.
Tomando principalmente como referencia o traballo previo da Comisión de Cultura da FEMP (2009) sobre a Axenda 21 da Cultura, as dimensións marco sobre a que estamos a estruturar os recursos son:
- Participación cidadá e acceso á cultura. Públicos e tecido cultural local.
- Ferramentas e mecanismos de bo goberno na acción cultural local: Recursos, avaliación, rendición de contas, transparencia.
- A cultura como factor de desenvolvemento local: social, económico e territorial.
- Xestión do patrimonio cultural material e inmaterial.
.
A nosa intención agora é poder contrastar, mellorar e ampliar o traballo feito ata o momento en 4 encontros locais que celebraremos nas catro provincias galegas. As dinámicas serán áxiles e o debate terá un foco moito máis concreto que o de anteriores encontros. As citas celebraranse nas seguintes datas e localidades:
- Lugo (luns 23 de febreiro – 16:30 a 20:00)
- A Coruña (martes 24 de febreiro – 16:30 a 20:00)
- Vigo (luns 2 de marzo – 16:30 a 20:00)
- Ourense (martes 3 de marzo – 16:30 a 20:00)
.
O obxectivo destes encontros sería compartir o traballo avanzado, xerar unha choiva de ideas e debater arredor de varias cuestións:
- Que valores, modelos, estratexias e procedementos consideramos boa práctica no eido local?
- Que proxectos poden representar unha boa práctica neste eido?
- Que persoas e entidades son unha referencia?
- En que espazos, entidades ou sitios web podemos atopar coñecemento ou debate sobre boas prácticas neste eido?
Queres participar?
- Como inscribirse? Cubrindo o formulario de inscrición antes do xoves 19 de febreiro (para Lugo e A Coruña) ou do xoves 26 de febreiro (para Vigo e Ourense). Posteriormente a estas datas podes escribirnos directamente a encontros@xestoresculturais.gal para consultar se hai prazas dispoñibles.
- Quen pode participar? Profesionais do mundo da cultura.
- Custe? De balde.
- Prazas limitadas, con prioridade para asociad*s da AGPXC
Co apoio de:
.
.Co apoio de:
« Vermú con Roberto Gómez de la Iglesia Vermú con… Susana Marques »