Estivemos presentes un ano máis en Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia. Plantexamos unha conversa aberta para debatir sobre o modelo de feiras profesionais no eido cultural. Actou como moderador Julio Gómez (presidente da AGPXC) e participaron:
- Asociadas/os da AGPXC
- Xulio Amigo (presidente da Asociación Culturgal)
- AnaBea Rodríguez (Distribución teatral en Tanxarina)
- Xabier Alonso (consultor para artes e espectáculos)
- Ania González (xestora cultural, codirectora do FAC Peregrina, coordinadora Encontros OFF)
- Profesionais presentes en Culturgal que desexen sumarse
Posteriormente, celebrouse tamén un debate organizado e gravado por Galiza Ano Cero que compartimos polo seu interese #quefacemoscoacultura
A cultura vive en Galicia o seu particular inverno social. Medra o número de traballadoras culturais desempregadas, pechan pequenas e medianas empresas, cae o consumo –desanimado en parte pola suba do IVE– e recórtanse axudas públicas esenciais. Mentres a Cidade da Cultura segue aí, como o dinosauro, derrúbase o sistema cultural tal e como o coñeciamos dende a creación das institucións autonómicas, hai agora tres décadas. E fai frío.
Os síntomas da crise que atravesamos son múltiples. Fáltanos saber que facemos nós, os traballadores e as traballadoras da cultura. Que podemos facer, ademais de recuperar a función política da cultura e investigar novos xeitos de organizar e financiar o traballo cultural. Por iso en Galiza Ano Cero aceptamos o convite de Culturgal, a feira galega das industriais culturais, e trasladamos aquí, ao Pazo da Cultura de Pontevedra, a gravación dun dos nosos debates.
Acompáñannos catro traballadoras da cultura:
- Ania González, crítica cultural e cofundadora da revista Plétora.
- Roi Fernández, Extramuros – Espazo de Colisións Artísticas.
- José Manuel Sande, programador do CGAI.
- Xabier Alonso, xestor cultural e ex director da Fundación Illa de San Simón.
Xuntas. Sen ánimo de lucro. En código aberto e baixo licenzas libres. Dende abaixo á esquerda. Outra televisión.
« FEAGC entra no Consello Estatal das Artes Escénicas e da Música Desconto para asociados da AGPXC en “Pública14 Encuentros Internacionales de Gestión Cultural” »