‘BOAS NOVAS NO CAMIÑO’ PON FIN AO CICLO CUN DIÁLOGO SOBRE A CULTURA E A GASTRONOMÍA

boas prácticas, conferencias e charlas, encontros, info, rede Comments (0)

Venres, 24 de setembro do 2021

A Asociación de Profesionais da Xestión Cultural, organizou no Edificio Arquivo de Betanzos, o cuarto e último encontro do ciclo de xornadas de Boas Novas No Camiño que ao longo deste mes de setembro abordou as boas prácticas culturais en catro territorios atravesados por rutas xacobeas. Este venres a iniciativa reuniu a voces expertas do eido da cultura galega, estatal e europea baixo o título Cultura e Gastronomía. A sesión celebrouse en formato híbrido, presencial e tamén en streaming a través da canle de Youtube da AGPXC. A iniciativa está organizada pola Asociación de Profesionais da Xestión Cultural co apoio do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

Na sesión de Betanzos, ao paso do Camiño Inglés, participaron catro iniciativas; dúas galegas e unha estatal, que puxeron en común distintos aspectos arredor das boas prácticas na divulgación do patrimonio gastronómico e cultural a través de grandes eventos de dinamización da cultural local: o Festival Portamérica, A Festa Gastronómica Tortilla de Betanzos,e a Rede de Cidades Creativas da UNESCO.

Abriu o debate a moderador, Tomi Legido, vogal da Asociación Galega de Xestores Culturais, recordando a importancia da deslocalización das grandes cidades dentro da organización do ciclo de xornadas.

Desde a organización das xornadas, Pilar Portela, presidenta da AGPXC, remarcou a importancia de visibilizar os proxectos do Banco de Boas Prácticas e vencellalos a outros con temáticas similares noutras cidades, ademais de facer un repaso sobre as temáticas tratadas dende unha vertente multidisciplinar.

O diálogo sobre Cultura e Gastronomía, deu comezo a través da intervención José Ángel Vázquez Millares, técnico de Desenvolvemento Local de Betanzos, unha vila que acolle unha das festas gastronómicas máis importantes, a festa da Semana da Tortilla de Betanzos.

O representante desta iniciativa explicou o proceso de creación e as orixes da Festa da Tortilla. Explica que na primeira edición do evento, “dez restaurantes ofreceron as súas tortillas para o consumo da xente ao estilo das festas gastronómicas tradicionais galegas” Ademais, engadiu que tras un longo período de cambios “finalmente no 2016 aparece o premio a mellor tortilla por xurado popular, o que propiciou unha controversia mediática sobre se “a tortilla debe levar cebola ou non”, facendo así á cidadanía e ao ámbito local, partícipe dun proxecto cultural da súa localidade, que ademais, traspasa fronteiras.

Por outra banda, tamén asistiu Olalla Camaño, responsable de produción do showroocking do festival Portamérica quen introduciu tamén as orixes desta iniciativa, nada “da vontade de achegar a cociña de estrela ao gran público no 2012 da man de Joaquín Martínez, director do Portamérica e o chef Pepe Solla” Engadiu ademais que foi no 2014 cando se incorporaron os escenarios dentro das cociñas, mesturando así o espectáculo e a gastronomía nun mesmo evento.

O espazo e o territorio continúa a ser un aspecto trasversal que acompaña cada un dos encontros celebrados en Boas Novas no Camiño. Neste senso, o traslado do ShowRoocking do festival Portamérica á Carballeira de Caldas supuxo repensar a forma de organizar o evento. Caamaño incidiu no reto que supuxo a reorganización tanto para o público implicado como para os chefs participantes. Ademais, incidiu na importancia da presenza de “estudantes de cociña que supón asumir un compromiso co desenvolvemento da cultura gastronómica

A derradeira participante foi Raquel Puente, Focal Point de Burgos Cidade Creativa da Gastronomía da UNESCO, quen fixo a súa colaboración en liña. Introduciu o concepto de Cidade Creativa dentro do subgrupo da Rede de Cidades Gastronómicas Creativas. Ensalzou deste xeito, a importancia de ser Cidade Creativa “á hora de relacionarse e apoiarse noutros proxectos de carácter cultural doutras disciplinas”. Ante isto, a creación de redes de apoio e colaboración continúa a ser unha constante que se representa ao longo de todo o ciclo, e que deixa patente os obxectivos cumpridos na organización das xornadas de Boas Novas no Camiño.

Puente incidiu en que Burgos, pertence á rede gastronómica que mestura “a cociña tradicional coa alta cociña así como a ciencia coa gastronomía, conseguindo optar, así, a este recoñecemento”. Nesta rede conviven distintas cidades “creativas” da literatura, música, artes escénicas etc. con compromiso pola tradición cultural. Un dos aspectos diferenciadores de Burgos é a unión da gastronomía coa ciencia a través da evolución humana e os estudios sobre a gastronomía prehistórica utilizando as investigacións do xacemento de Atapuerca. “Chefs como Miguel Cobo estudan e adaptan as técnicas da Prehistoria nun proxecto de cultura fusión chamado Cobo Estratos”, explicou, e engadiu que a gastronomía conforma un importante vínculo entre o pasado, o presente e o futuro das comunidades históricas, que se converte nunha importante herdanza cultural a través dos territorios que a comparten e lle dan forma.

Tomi Legido avanzou as primeiras reflexións sobre a importancia das relacións humanas que se xeran e se consolidan o longo do tempo e a mestura de cultura.

Así, José Ángel Vázquez Millares explicou que as relacións humanas son un dos puntos de apoio para construír estes eventos e compartir coñecementos; son relacións que xurden a partir da propia iniciativa conformando unha parte fundamental e intanxible da tradición e da cultura. “A música, a gastronomía, o teatro, a cultura en xeral casan moi ben e en moitos contextos, son imprescindibles unhas para outras”, afirmou.

Ao fío, Olalla Camaño abordou a creación do espazo para que estas cousas sucedan, e estes xa nacen da relación tanto cultural como humana. “o Portamérica naceu para ser a porta da música Iberoamericana a Galicia e a partir do terceiro ano tamén pasou a ser o mesmo para a cociña, polo que estas relacións crean sinerxías e unións”, indiciu sobre a reflexión.

Raquel Puentes fixo fincapé en que a gastronomía é o punto de referencia para o desenvolvemento humano pois é unha necesidade básica a satisfacer, pero as outras disciplinas culturais tamén “alimentan a alma” e son fundamentais para o desenvolvemento intelectual. “En España somos nove Cidades Creativas e cada unha no seu ámbito: música, literatura, gastronomía… Queremos amostar ao Estado español que existe esta figura de protección. Cada unha perdémonos un pouco no noso proxecto e é difícil de visualizar o potencial conxunto. Na reunión que mantivemos todas as cidades creativas españolas fluíu a idea de unión tanto de proxectos como de fusión de culturas”.

Ante isto, e como representante da organización do ciclo, Pilar Portela recalcou a gastronomía como cultura, e parte da cultura dos pobos e da tradición. Tamén destacou a importancia da relación entre distintos proxectos como unha das principais ideas destas xornadas.

Finalmente, Tomi Legido pechou as intervencións coa derradeira pregunta: “Que erro lle recomendariades evitar os futuros xestores culturais?” Ante o que José Ángel Vázquez Millares incidiu na importancia de aprender e evitar, non o erro, senón a cantidade deles. Olalla Camaño afirmou que era o proceso de creación é “ensaio e erro” e destacou a experimentación como o camiño cara ás boas prácticas, “se non se experimenta non se coñecen os gustos do público que son os quen lle da valía ao proxecto”.

Boas Novas no Camiño pon fin así, ao ciclo de xornadas tras catro sesións onde diversos expertos do eido da cultura, abordaron as boas prácticas na xestión cultural dunha forma transversal e poñendo o foco en valores como a accesibilidade, a sustentabilidade e a posta en valor do rural e a comunidade local. Todas as sesións poderán consultarse na Canle de Youtube de AGPXC.

 

Pin It

» boas prácticas, conferencias e charlas, encontros, info, rede » ‘BOAS NOVAS NO CAMIÑO’ PON...
On 25/09/2021
By
, ,

Comments are closed.

«