Xavier Campos, profesional da xestión cultural no ámbito privado, é o novo Presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. A nova directiva inclúe á anterior presidenta da asociación, a técnica de cultura de Foz, Pilar López, e tamén a Marta Núñez, Olga Nogueira, Belén Bermejo e Alberto García.
Entre os novos retos da asociación, está que a entidade actúe como un axente válido na definición e valoración das políticas públicas no ámbito da cultura, ademais da procura do recoñecemento laboral e social do noso traballo.
Na asamblea decidiuse articular o traballo organizativo en tres comisións: perfís profesionais, formación e políticas públicas que se coordinan a través da xunta directiva. Marcáronse tamén os seguintes obxectivos e plans de traballo:
OBXECTIVOS
- Dinamización da vida asociativa, a través do fomento da participación dos socios e socias. O principal instrumento para este fin son as Comisións de traballo que manterán un fluxo constante de información vía correo electrónico ao tempo que se incrementará a información disponible na web.
- Elaboración dun plano anual de traballo, nomeadamente de formación, que se discutirá na asemblea, así como o seu desenvolvemento e avaliación.
- Ampliación do número de socios e socias
PERFIL PROFESIONAL E DEREITOS LABORAIS
- A posta en marcha desta comisión ten que procurar o avance no recoñecemento do perfil profesional e na regulación laboral do sector, a través da interlocución e os acordos aos que sexa posíbel chegar coa Xunta de Galicia (Consellaría de Cultura, Consellaría de Traballo) e coa FEGAMP.
FORMACIÓN EN XESTIÓN CULTURAL
- O programa formativo estará destinado especificamente aos profesionais da xestión cultural en Galicia e procurará o financiamento e a coorganización con outras institucións como a Consellaría de Traballo e a de Cultura.
- Tratarase de crear un Programa Oficial de Posgrao en Xestión Cultural, pensado para a realidade social e cultural galega, en colaboración coas universidades e as institucións académicas.
POLÍTICAS PÚBLICAS
- O sector dos profesionais da xestión cultural precisa facerse visíbel por interese propio, na procura da normalización e recoñecemento laboral, e como interlocutor cualificado para a definición das políticas culturais públicas que se vaian desenvolver en Galicia.
- A interlocución directa, a emisión de informes e a participación en procesos de consulta deben ser ámbitos de traballo para a AGPXC na procura dunha sociedade na que a cultura sexa centro, motor de civilidade, pensamento e benestar.
Documentos:
« Xornada de Cultura e Emprego Encontro AGPXC en AchegARTE 2011 »